GRAZAS!!!

É incrible, sodes incribles...

Parabéns e moitas grazas a todas e cada unha das persoas que colaborades comigo neste proxecto tan humilde como ilusionante.

Foron meses de artellar, tecer, cavilar e por fin sacar á luz esta sinxela idea de axuda (mutua, por suposto) ás nenas, nenos e mulleres que viven nos campamentos saharauis. Porén, foron necesarias unicamente dúas semaniñas para que eses cincuenta pares de "Carpíns de cores" pasaran das miñas mans aos vosos pés... Sen dúbida, non lle podiades dar mellor acollida!!! 


Finalmente farei chegar aos Campamentos a totalidade dos 13€ correspondentes a cada par ademais das aportacións que fixestes algunhas persoas sen querer que vos enviase carpíns, ou mesmo "redondeando" o importe da vosa compra.
Así, a día de hoxe, na conta de "Carpíns de cores" temos nada menos que 900€ (650€ correspóndense cos 50 pares a 13€ cada un e 250€ saen desas outras aportacións solidarias). Non me digades que non é incrible?

Como comprenderedes, estou contentísima e tremendamente agradecida pola vosa incondicional axuda para conseguir este pequeno propósito.

Remato o meu agradecemento lembrando unha vez máis esa cita de Eduardo Galeano que tanto me gusta: "Moita xente pequena, en lugares pequenos, facendo cousas pequenas, pode mudar o mundo".

Grazas, moitas grazas!