CARPÍNS de CORES

Acordádesvos do proxecto "Mochilinhas de cores"? 

Foi unha iniciativa caseira e humilde de axuda mutua entre nenas e nenos de Galicia e de Ucraína. Daquela, grazas á ilusión e aportación de moitas e moitos de vós, fomos quen de gozar das nosas vacacións de verán visitando seis orfanatos de Ucraína onde entregamos nada menos que 130 kg. de material escolar.
Trouxemos de volta infinidade de quilos de agradecemento, aprendizaxes e satisfaccións para compartir con vós agradecendo a vosa axuda.

Se vos apetece, podedes lembralo ou coñecelo visitando o blog que fixen ao longo daquel ano, desde xullo de 2011 ata xullo de 2012.

Premendo nesta imaxe accedes ao blog


De volta en Galicia, e conscientes de que aquelas nenas e nenos que visitamos tiñan máis necesidade de comida que de lapis e cadernos, puxemos en marcha outro proxecto non menos ilusionante: "Cestinha de Cores".

De novo coa axuda deste pequeno GRAN círculo de amigos/as que formamos con moitas e moitos de vós, preparamos e sorteamos unha cesta de produtos artesáns que nos permitiu xuntar 1090€ e gastalos integramente en comida mercada persoalmente por nós nunha intensa e gratificante fin de semana en Kiev. Entregámola no orfanato de Vorzel' (Ucraína).

Así volo fun contando daquela, foi na primavera de 2013.

Premendo nesta imaxe accedes ao blog


A estas alturas, quen me coñecedes probablemente esteades pensando en "O agasallo de Anya", esa novela infantil que xurdiu destes proxectos e que fun escribindo simultaneamente ao seu desenvolvemento. Publicouna Editorial Galaxia a finais de 2013 e, desde entón, permíteme tamén achegar a miles de nenas e nenos estas historias e pequenos proxectos solidarios.

Premendo nesta imaxe accedes ao blog


A partir de aí, tivo lugar unha breve paréntese no tempo durante a cal destinei a maior parte das miñas forzas, proxectos e ilusións a loitar contra o cancro que daquela invadiu unha pequena parte do meu corpo.
Si, tamén volo conto por se vos apetece saber como o vivín.

Premendo nesta imaxe accedes ao blog


E... agora que?

Pois que, tras comprobar que nin a quimioterapia nin o resto de tratamentos agresivos aniquilaron a totalidade das miñas neuronas, a cabeciña segue sen parar e anda a artellar un novo proxecto: 

"CARPÍNS DE CORES"!!!

Se visitastes o último blog veriades que, hai exactamente un ano, en decembro de 2014, fixen unha viaxe moi especial aos campamentos de refuxiados saharauis, concretamente ao Campamento de Dajla en Alxeria.
Por se non o vistes, aquí tedes un resumo:





Foi unha viaxe organizada pola ONG Sogaps (Solidariedade Galega co Pobo Saharaui) e alá me fun xunto coa compañeira Esther e con Hamudi, un neno saharaui. Convivín coa familia del nun impresionante matriarcado e rodeada de nenos e nenas alegres e felices a pesar das circunstancias que lles toca vivir... 
Nin que dicir ten, que foi unha gran experiencia. 

Seguramente saberedes tamén que hai pouco máis dun mes viviron no Sahara unha situación extrema provocada polas chuvias torrenciais que asolagaron os campamentos causando importantes destrozos neles. Concretamente, a haima na que eu vivín eses días tan especiais xa non é tal, foi derruída polo temporal.
Paradoxicamente, nun lugar onde non teñen auga nin luz, as fortes chuvias e mais as descargas eléctricas leváronlles o pouco do que dispoñían.

Nestas fotos podedes ver como quedaron os campamentos tras as inundacións:








Pois ben, cando a miña cabeza comezaba a pensar nunha nova acción solidaria, tiveron lugar estes acontecementos no Sahara facéndome decidir de inmediato quen ían ser os e as destinatarias do plan que andaba a artellar...

Así xorde, con ilusión e segura do voso apoio e acollida, este novo proxecto solidario: "CARPÍNS de CORES"


Desde finais do verán veño tecendo en múltiples momentos e situacións contando ademais coa inestimable axuda de miña nai que leva un mes coas espitas nas mans ;)



Ben, pois o froito deses centos de horas tecendo milleiros de metros de la de cores son os cincuenta pares de carpíns que vos ofrezo a través deste blog para que, quen queira vestilos, se sinta moi a gusto cos pés quentiños e a satisfacción de aportar un chisco de benestar a esas nenas, nenos e mulleres saharauis afectadas polas recentes inundacións. Os cartos que xuntemos fareillelos chegar aos Campamentos a través da ONG galega SOGAPS que está traballando alá intensamente.






Como é imprescindible poñerlles un prezo, pensei en 13€ o par incluíndo nese importe o gasto que supoña enviárvolo ata a vosa casa por correo postal.
Así, contando con que me ides axudar e confiando en que non escache o "cántaro da leiteira" poderiamos xuntar arredor de 500€ para mandar ao Sahara. Animádesvos?

O procedemento sería o seguinte:

- Nas entradas do blog que veñen a continuación tedes os cincuenta pares (un par en cada entrada)

- Hai dous tamaños, o pequeno para pés que calcen entre os números 35 e 38 e o grande para pés desde o nº39 ata o 43 (aproximadamente)


- Elixides o par de carpíns que queirades de entre os cincuenta dispoñibles e numerados de 01 ata 50. Do 01 ao 25 son os de talla pequena e do 26 ao 50 os grandes.


- Ingresades os 13€ na conta que abrimos en Abanca para ese fin, e que é: ES87 2080 0170 1230 4001 1709

indicando en "concepto" o número de carpín elixido e o voso nome.

- Enviádesme un correo electrónico a carpinsdecores@gmail.com dicíndome que o fixestes así e facilitándome o voso enderezo postal para proceder eu a facervos o envío por correo.


- Nese momento poñerei no blog que ese par xa non está dispoñible para evitar que o elixa outra persoa. En caso de coincidir, asignareillo a quen faga antes o ingreso guiándome para iso da orde de movementos que observe a través da Banca Electrónica.



Se tedes calquera dúbida, podedes contactar comigo a través dese mesmo correo: carpinsdecores@gmail.com


Intentámolo? Grazas de antemán pola vosa colaboración.